Concerto aos nosos poetas – 12 de maio de 2018

Home > Eventos pasados > Concerto aos nosos poetas – 12 de maio de 2018

 «[…] La tierra, sin proponértelo, nos marca a todos y el que no se siente marcado por la tierra dudo de que después sea un verdadero artista. Para aspirar a lo universal hay que partir de la esencia de cada pueblo. Esto ha ocurrido durante toda la historia de la música y sigue ocurriendo ahora, aunque ahora haya corrientes musicales de los compositores de hoy que vayan por cauces menos relacionados con la propia esencia de nuestra tierra. Yo me mantengo en buscar las esencias y valores de lo nuestro y desde ellos interpretar una obra que sea conocida desde el punto de vista universal».

Antón G. Abril


Gli Appassionati presenta o seu concerto adicado a poetas de marcado arraigo músico-literario durante o século XX. Este terá lugar o día 12 de maio, ás 19:45, na Parroquia de Nosa Señora da Soidade de Vigo, na Hispanidade. Entrada libre ata completar aforo.

Inesquecible foi a intensa fricción entre vangardas e tradición, así o compositor Antón García Abril defendeu no seu ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando o valor dun son formal harmónico, sostido por una preparación técnica tradicional e contemporánea acadadas nas aulas cos mestres Palau e Julio Gómez, e completada en Roma co mestre Goffredo Petrassi. Música para comunicar que incorporou avances do século pasado, “extraídos do nacionalismo, do impresionismo, do serialismo, da vangarda, pero sen exclusivismo”. Versos de poetas ilustres musicalizados con rigor, na busca constante do equilibrio formal: intuición e técnica ao servizo da Arte.

As pezas musicais a interpretar posúen estruturas de gran beleza simbólica que deben cantar, emocionar, expresar…, lograr un neorromanticismo onde xurda o lirismo ligado aos sentimentos. O concerto proposto equilibra obras musicalizadas por autores galegos, onde os poemas de Rosalía de Castro ou Manoel Antonio proxectan o tebroso camiño ao que foron sometidas as nosas letras durante séculos: morte, desazón ou morriña percorren os pentagramas na busca constante da emoción. Interpretaremos, ademais, composicións contemporáneas de autores españois onde melodía e tradición tonal formal equilibran obras de singular beleza.

Agardamos que a nosa proposta sexa do agrado do público asistente. Desexamos transmitirvos emocións percorrendo os versos e as composicións dos músicos e os poetas que defenderon, por enriba de todo, o valor da arte como motor na procura de comunicación entre os seres humanos.

Cándido Pino Lago

DeputacionPontevedra