Misa da Reconquista – 28 de marzo de 2018

Home > Eventos pasados > Misa da Reconquista – 28 de marzo de 2018


Calorosos agradecimientos á VigoPedia e ao seu autor, Eduardo Galovart, por permitirnos usar no noso cartel esta fermosa fotografía do Vigo antigo.


«Por mi parte, ya que por formación o por nacimiento me tocó en suerte poner algún cuidado y esmero en estos estudios, trabajo en este arte tan sólo para mayor beneficio de Dios, de manera que la modulación de las voces se aplique al único fin para el que en un principio se inventó, esto es, a alabar a Dios Óptimo y Máximo».

            Tomás Luis de Victoria          

Vigo regresa a 1809 no mes de marzo. Os veciños e veciñas da cidade celebran na fin de semana da Reconquista o asedio das tropas napoleónicas e o seu triunfo sobre elas. Os vigueses reúnense na zona vella transformándoa nun mercado do século XIX  que marca a identidade olívica de loita dende hai máis de douscentos anos.

Gli Appassionati ten a honra de poñer música á celebración eucarística nun dos días grandes de Vigo, o 28 de marzo, mércores ás 11:00, na Concatedral de Santa María (a Colexiata). Desexamos que o repertorio dos séculos XVI e XX sexa do agrado do público asistente. Nas composicións do século XVI poderase observar o auxe da «diferencia», técnica de composición de series de variacións «discantes» sobre cancións ou secuencias harmónicas achegadas por Antonio de Cabezón e que derivan da canción popular e que influirán posteriormente nos países xermánicos.

A música composta no Renacemento defendeu o ideal de home independente que latía na realidade española cos «alumbrados» ou cos «reformistas» das ordes relixiosas, movementos inspirados no Luteranismo e no Erasmismo. Tentaremos plasmar a intencionalidade dos compositores renacentistas, que tiña coma máxima conxugar a «arte musical», en concreto a polifonía relixiosa, coa súa función litúrxica; onde, ademais, a glorificación do ideal de beleza e o seu efecto no oínte manifestábase na expresividade sobria da polifonía á que se incorporaron elementos da estética barroca.

Gli Appassionati tentará mostrar o discorrer paralelo dos séculos XVI e XX onde a polifonía sacra constitúe un patrimonio espiritual e artístico imperdibles. Dende o respecto proxectamos cantar dende a profundidade que imprime o sentido teolóxico da sagrada liturxia, aspecto que xunto coa súa reforma erixiu a música sacra ao lugar que lle corresponde. Rematamos este artigo cunhas palabras de Benedicto XVI :

 «A música e o canto son algo máis ca un embelecemento […] do culto, pois forman parte da actuación da liturxia, máis aínda son liturxia. Por tanto, unha solemne música sacra con coro, órgano, orquestra e canto do pobo non é un engadido que enmarca e fai agradable a liturxia, senón un modo importante de participación no acontecemento cultual».

 

Cándido Pino Lago

DeputacionPontevedra