Concerto no Bosque da Memoria – 4 de maio

Home > Eventos pasados > Concerto no Bosque da Memoria – 4 de maio

Eu cacheaba todol-os segredos
d’as miñas mans valdeiras
por que algofoi que se me perdeu n-o Mar
… alguén que chora dentro de mín
por aquel outro eu
que se vai n-o veleiro
pra sempre
coma un morto
c’o peso eterno de todol-os adeuses.

Manoel Antonio


Gli Appassionati presenta o seu concerto adicado ao día Das Letras Galegas desde un emprazamento de singular beleza: o Bosque da Memoria de Chandebrito, Nigrán o vindeiro sábado 4 de maio ás 21:00, enmarcado na iniciativa Maio en Nigrán.

Co Océano Atlántico como tapiz húmido de nostalxias e o marco insuperable do castro chandebritense interpretaremos obras que musicalizan poemas de Manoel Antonio ou Rosalía de Castro entre outros. Repertorio baseado na nosa lírica onde a morte, a nostalxia, a soidade ou o desarraigamento que transforman ao eu poético, seducen e complementan melodías mergullándonos no interior de almas atormentadas, mudas para chegar á esencia do individuo nun grao de tensión onde momentos de depresión e exaltación case mística sucédense.

O lugar de indescritible beleza fará do concerto un momento único onde experimentar a través dos versos dos nosos autores o que Unamuno chamou «o sentimento tráxico da vida». Sombras, nostalxia de amores perdidos ou esencias anuladas estruturan o desenvolvemento da noite onde o mundo dos vivos e o temor ás sombras, predispostos baixo a protección da «terra nai», nutren e complementan a natural relación do eu poético cuxo sentimento de soidade irreprimible planea entre as notas e a vida dos románticos do século XIX.

En palabras de Octavio Paz aquilo que « redime á vida do seu horror monótono é ser un soño. Os románticos fan do soño unha segunda vida e, aínda máis, unha ponte para chegar á verdadeira vida, a vida do tempo do principio». Na súa procura, nos seus anhelos, na súa poesía, Rosalía de Castro escribiu:

«Eu non se o que busco eternamente
na terra, no aire e no ceo;
eu non se o que busco; pero é algo
que perdín non se cando e que non encontro,
aínda cando soñe que invisible habita
en todo canto toco e canto vexo»

Gocen do noso concerto, a ocasión e o lugar ben o merecen.