Outro ano que chega, e outro ano que podemos celebrarmos unha das datas grandes de Galicia, as Letras Galegas. ACOPOVI organiza de novo o festival das Letras Galegas, no cal nós participaremos 0 20 de maio a partir das 18:00 da tarde, no auditorio Mar de Vigo.
Este ano, rendiremos tributo á escritora María Victoria Moreno Márquez.
¡¡Agardámosvos!!
Namorada de outonos e solpores
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.
Sorriron para ti tódalas flores,
fíxose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.
Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.
Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.
Este ano 2018 as letras galegas vístense coas liñas literarias dunha muller, María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) no ano 1939 e falecida en Pontevedra no ano 2005. De traxectoria impecable, adicou a súa vida académica e literaria á elaboración de libros infantís e xuvenís, ademais de colaborar na edición de libros de texto, traducións e produción narrativa e poética dende a publicación en 1973 da súa obra Mar adiante (Sada, Edicións do Castro). Entre a súa obra destacar: A festa no faiado (Vigo, Galaxia, 1983) . Leonardo e os fontaneiros (Vigo, Galaxia, 1986. 3º Premio O Barco de Vapor). Anagnórise (Vigo, Galaxia, 1988, incluida na Biblioteca Galega 120). O cataventos (Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1989). Verso e prosa (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991). ¿Un cachiño de bica? (Vigo, SM, 1994). ¿E haberá tirón de orellas? (Vigo, Galaxia, 1997). A brétema (Vigo, Ir Indo, 1999). Guedellas de seda e liño (Vigo, Galaxia, 1999). Eu conto, ti cantas (Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2005).
Coma ensaísta publicou dúas obras: As linguas de España (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991) e Diario da luz e a sombra (Vigo, Xerais, 2004). Namorada dende a súa estancia en Lugo da cultura galega e do noso idioma foi mestra de Xesús Rábade Paredes, trasladándose no ano 1963 a Pontevedra onde pasou máis de corenta anos. A súa paixón levouna a participar activamente na vida cultural pontevedresa, defendendo a nosa cultura e o noso idioma e así o deixou escrito cando afirmou:
Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor.
A súa biblioteca particular, doada o IES Gozalo Torrente Ballester de Pontevedra componse de 4500 obras, onde se inclúen varias edición e uns 150 estudios sobre Don Quijote de la Mancha. Para a súa proposta coma homenaxeada no día das Letras Galegas competiu cos escritores Ricardo Carballo Calero, Eusebio Lorenzo Baleirón, Antón Fraguas Fraguas e Plácido Ramón Castro del Río. É bastante simbólico do dominio patriarcal na nosa literatura que a homenaxeada neste ano sexa a cuarta muller elixida pola Academia, soamente precedida de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño.
Sobre as súas influencias literarias, María Victoria Moreno Márquez destacou sempre que:
[para ler boa literatura, lía] a Miguel de Cervantes, evidentemente. E tamén a Antoine de Saint-Exupéry (…) E gústame a prosa dos hispanoamericanos inmediatamente anteriores ao boom. Miguel Ángel Asturias, por exemplo (…). Gústanme os escritores éticos e con compromiso, cunha prosa exuberante. E de Galicia gústanme os mellores que hai. Valoro moito a lírica medieval, a prosa de Otero Pedrayo e de Carlos Casares, a poesía de Fernán Vello.
Figura importante das nosas letras, é un orgullo para Gli Appassionati poder compartir co público esta data da nosa cultura. Desexamos poidan desfrutar do noso concerto no día das nosas letras adicado a unha muller, nada fora da nosa terra, que defendeu até o seu derradeiro alento a nosa lingua, secularmente infravalorada.
Cándido Pino Lago
© Gli Appassionati 2018