O vindeiro 27 de xullo ás 21:00 daremos un concerto moi especial. Enmarcado dentro do ciclo de concertos ao aire libre Atardeceres no Gaiáis da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), presentamos The Queen Symphony, que cantaremos xunto á Banda Artística de Merza. O acceso é libre e gratuito.
The Queen Symphony é un gran proxecto musical en seis movementos no que o compositor británico Tolga Kashif tenta recoller a esencia orixinal da música de Queen. Podedes atopar interesantísimos detalles sobre a súa composición e estrutura na páxina da Banda de Merza.
A Banda Artística de Merza, actualmente dirixida por David Fiuza Souto, é a agrupación musical popular decana de Galicia, contando nin máis nin menos que con 190 anos de historia, xa que se fundou alá polo 1828. Non deixedes de botarlle un ollo á súa páxina web, onde percorren a historia da banda dende a súa formación ata os nosos días.
Estamos moi satisfeitos de podermos celebrar con eles o seu 190º aniversario como mellor sabemos: con música.